Bailando muiñeiras no século XXI

A escola: a Ghentalha do Pichel

Esta fin de semana pasada chamáronme, con cariño, picheleira. Nunca tal me pasara, e iso que son de Santiago. Chamáronme así porque, sendo muller, resulta que bailo cos brazos moi altos e levantando moito as pernas, tanto nas xotas, coma nas muiñeiras ou nos maneos.

Hai un tempo que decidín apuntarme as clases de baile na Gentalha do Pichel, en Compostela, para aprender a bailar nas foliadas. Alí coñecín a Carme Campo, traballadora do Museo do Pobo Galego e profesora de baile dende hai moitos anos. Carme defende a idea de que o baile é unha “ferramenta de comunicación da cultura”, polo que “é necesario repensarnos a maneira en que mantemos o baile tradicional”. E polo mesmo motivo co que “bailamos muiñeiras aínda que non sexa no muíño e bailamos chotis aínda que os nosos pasos reteñan poucas reminiscencias dos schottis centroeuropeos” tamén podemos desfacérmonos das desigualdades de xénero no baile [Se queredes saber mais podedes ler un artigo dela en Sermos Galiza titulado “Qué genero de baile queremos?”].

A práctica: as foliadas

Hoxe, en moitas foliadas desapareceron os roles de xénero, é dicir, non se baila só enfrontados homes contra mulleres, nin son eles os únicos que poden “sacar puntos” (para os non entendidos pódese traducir como cando unha persoa comeza a bailar dunha determinada forma para que os demais a imiten). Non, as mulleres sacamos puntos igual ca eles e, coma a maioría das veces báilase con pantalóns, acaban por desaparecer os “puntos ou pasos” propiamente de homes ou de mulleres, os cales estaban moitas veces supeditados ós pesados traxes tradicionais.

Pero a cousa non acaba aí, nas foliadas estamos todos ó mesmo nivel: homes, mulleres, músicos, bailadores, público … Trátase dunha festa onde hai músicos, pero todos poden poñerse a tocar, pois non sobran as pandeiretas que se deixan no chan para “quen queira” e non é raro que se intercambien os instrumentos: o que canta logo toca a gaita, logo vaise cós bailadores e bailadoras a sacar uns puntiños ou ponse a mirar e a beber un pouco de licor café. Os roles difumínanse, mestúranse, van trocando … e a barreira escenario-público desaparece.

Reflexión: un baile actual

Por todo iso, o baile tradicional galego é un baile que pode reflectir moitos dos valores que a nosa sociedade está a demandar hoxe. Trátase dun baile que permite encaixar unha certa liberdade individual sen perder o sentido do grupo. Dun baile en certa medida improvisado (a min recórdame ás jam sessions do mundo do jazz) pois nunha foliada o que saca un punto pode inventalo ou darlle un toque diferente. Dun baile que hipnotiza introducindo o factor sorpresa, obrigándoche a estar pendente porque ti non sabes o punto que se vai sacar.

Para concluír déixovos a seguinte reflexión: partindo dunha revisión crítica do que fomos, do que somos e do que queremos ser, temos a obriga de modificar as ferramentas de comunicación da cultura buscando unha sociedade mais igualitaria?

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *