Aspectos clave do Manual de Xestión de Festivais
O “Manual de xestión para empresas de produción de festivais de música” xa está dispoñible en pdf. Trátase dun manual escrito pola Asociación Empresarial Festivais de Galicia e publicado por AGADIC. Está dirixido ós profesionais que se dedican a organizar e producir festivais. Non é para aqueles que queiran organizar un festival por primeira vez, anque vale para coñecer boas prácticas dende o comezo.
Despois de ler detidamente o manual e tomar algunhas notas, penso que destacaría cinco aspectos clave:
- Capítulos independentes.
- Capítulos un e catro.
- Miniguías.
- Exemplos e modelos.
- Metodoloxía REDAR.
CAPÍTULOS INDEPENDENTES
O manual está divido en catro capítulos independentes entre si, o que significa que podes ler só o que che interesa.
- Capítulo I. Festivais de calidade.
- Capítulo II. Festivais seguros.
- Capítulo III. Festivais sustentables.
- Capítulo IV. Requisitos documentais dun festival.
- Capítulo V. Normativa e lexislación aplicable.
Mais unha intro e conclusións finais.
OS CAPÍTULOS MAIS INTERESANTES
Para min, as partes do manual mais interesantes foron o capítulo primeiro (Festivais de calidade) e o penúltimo (Requisitos documentais dun festival). Ambos contan cun montón de exemplos, esquemas e modelos que che axudan a aplicar a teoría no teu propio festival.
Os capítulos dedicados á seguridade e sustentabilidade son, ou moi técnicos e con poucos recursos que faciliten a súa aplicación (por exemplo: prevención de riscos nos festivais), ou entran pouco en profundidade (por exemplo: como facer un plan de xestión de residuos).
MINIGUÍAS
Conta con dúas miniguías moi prácticas cun montón de infografías:
- Guía de procesos estandarizados: a produción de festivais en 10 procesos.
- Guía para a implantación dun sistema de xestión.
EXEMPLOS E MODELOS
Encantáronme os exemplos que inclúe para realizar determinados procedementos burocráticos. Por exemplo un modelo de solicitude de autorización de festival a un concello. Ogallá houbera mais así!
METODOLOXÍA REDAR
Un dos aspectos clave que caracteriza a un festival de calidade é a súa organización. O capítulo dedicado á calidade é un dos mais extensos e mellor explicados do manual. Fai fincapé na metodoloxía Redar (Resultados Enfoque Despregamento Avaliación Revisión) como modelo para a mellora continua.
Este modelo consiste en comezar a planificar polo final e ir tirando do fío ata o principio. É dicir, fixando primeiro os resultados que queremos conseguir (ex. o escenario ou a visión que se quere lograr) e logo planificar o que se vai facer para conseguilos. Así asegurámonos que non se nos escape nada!
En conclusión, trátase dun manual que vale a pena ler (especialmente os capítulos I e IV). Anque sexa para un festival pequeno ou que acaba de comezar pódense coller ideas de boas prácticas e traballar para que o festival sexa cada vez de maior calidade, mais seguro e sustentable.
Pola miña parte, só me queda suxerirte que lle botes un ollo ó meu servizo de organización de festivais por se che puidera interesar.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!