Colaboracións artísticas en festivais de música: MO no Ecosons

Durante o festival Ecosons, un festival de música para ás árbores, contouse coa colaboración de moitas artistas. Unha delas foi Mo, quen traballa en constante conexión coa Natureza “pintando” todo o que lle toca dentro. Pero, quen é Mo? e que fai nun festival de música?

O festival Ecosons

O Ecosons foi un festival que quixo render homenaxe ás árbores. Dun xeito simbólico, pechar o círculo devolvéndolle á natureza a música que esta permite facer. Pero non só música, pois dende a aparición do ser humano, a Natureza serviu como fonte de recursos para infinitas creacións.

Por iso, o Ecosons concibíuse coma un espazo para apoiar a concepción, a produción e a consolidación de proxectos sustentados no respecto e no cuidado da Natureza. Un punto de encontro entre a música e a Natureza dende diferentes perspectivas e disciplinas.

Partindo desta perspectiva, a programación do festival contou, ademais dos concertos, co técnico de son Alejandro García Fernández “Rufo”, para falar de paisaxes sonoras e coa artista plástica Mo, quen fixo unha obra plástica que se converteu en símbolo do festival.

Quen é MO?

Mo é unha artista plástica especializada na técnica Gyotaku. Os gyotakus son un tipo de creacións pictóricas (é dicir, cadros) que beben da tradición xaponesa de imprimir peixes con polvos naturais, ou con tintas sumi-e vexetais, nun soporte de papel Kozo.

“Ó regresar, os pescadores seleccionan algunhas das pezas cobradas, empápanas de tinta e imprimen con elas o seus propios carteis. Os peixes fan ás veces das nosas pranchas de grabado: a presión sobre o papel permítelles transferir a súa propia imaxe. O seu tamaño, a súa silueta, a textura das súas escamas, a transparencia das aletas…Só se permite o retoque dos ollos […]. A continuación, cunha caligrafía grácil anotan a clase, o peso e o prezo do pescado. Colgan o cartel no interior da súa tenda, xunto con outros moitos peixes que ese día están á venda e que van desaparecendo a medida que os clientes os mercan e os levan”.

(Joan Fontcuberta. “El beso de Judas. Fotografía y Verdad” artículo en Cartografias Urbanas. Ed. G.Gili, Barcelona, 1997)

No blogue de Mo pódense ver exemplos das súas creacións de gyotakus; ademais de acuarelas, mapas, debuxos…

Que fixo Mo no festival Ecosons?

Mo fixo unha variación da técnica Gyotaku sobre…árbores! Concretamente sobre troncos cortados de árbores, o que coñecemos por “tocóns”. Esta representación do interior das árbores converteuse en bandeira do festival. Bandeira literal, pois nunha lona de dous metros situada na entrada, o “gyotaku arbóreo” acollía ós asistentes ó festival a medida que ían chegando.

Se queres saber mais sobre como foi o festival Ecosons (onde foi, que músicos actuaron, etc.) podes botarlle unha ollada á miña experiencia.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *